Thursday 09 de May de 2024

O Concello volve reclamar que a planta superior da Casa do Mar de Mera se destine a ampliar o centro de saúde


Unha vez máis, o Concello volve demandar á Xunta de Galicia que destine a planta superior da Casa do Mar de Mera a ampliar os espazos do centro de saúde e poder así dotar dos servizos sanitarios públicos necesarios ás parroquias de Maianca, Serantes e Dexo. As máis de 5.000 persoas ás que lles corresponde ser atendidas neste centro de saúde sofren a diario as consecuencias da falla de persoal e da obsolescencia dunhas instalacións claramente insuficientes.

“A Xunta gastou no seu día un montón de cartos en reformar a planta superior da Casa do Mar de Mera para crear un centro de día que nunca chegou a existir. É indignante que a día de hoxe esa parte do edificio non teña practicamente actividade, teñan alí a dúas persoas a soldo para non se sabe moi ben que, e abaixo o centro de saúde non dea máis de si, impedindo incorporar máis persoal sanitario ou destinando un espazo de reducidas dimensións para o novo servizo de enfermería”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.

A zona norte do Concello de Oleiros necesita un centro de saúde acorde á súa poboación actual. Para o axeitado funcionamento do sistema sanitario público é necesario contar cun servizo de atención primaria forte, dotado dos recursos e medios necesarios, para que poida ser utilizado de xeito responsable por parte da cidadanía.